viernes, 31 de octubre de 2014

A INVERSIÓN MÁIS PRODUTIVA



Tanto tempo invertido ó longo dos anos en acumular información relativa ó desenvolvemento do traballo diario, os aspectos técnicos, manexo de TIC, lexislación de prestacións que cambia de ano en ano, políticas activas de emprego que hoxe están e mañá esquécense ou xa non se lles presta tanta importancia, organización do traballo en equipo, arquivos cheos de instruccións que vemos que se desfasan cada día e que acaban sendo vítimas da destructora, lei de protección de datos que case nunca se adapta ou que resulta case imposible cumprir dun xeito razoable, prevención de riscos laborais, que a administración deixa estacionada ou que incumpre... e esquecemos o máis importante: a persoa que temos diante.



Os conflitos cos administrados sucédense día tras día, e seguimos sen saber atallalos. Tal vez teña algo que ver a campaña de desacreditación, e do desmantelamento que se está facendo por parte das administracións en relación co seu persoal. 
Cando tivo lugar o comezo da crise, recordo que foi a comezos do ano 2009 cando eu persoalmente a percibín dun xeito xa claro, os demandantes chegaban á oficina contando a súa tráxica situación, pero aínda esperanzados en poder acadar outro traballo que lles devolvese a confianza en sí mesmos, pero pouco a pouco comezaron a darse conta de que seis meses ou un ano non lle devolvía o máis importante que perderan e comenzaban o duelo.

Situacións de rabia, impotencia e necesidade de volver ser o que foran. Este malestar foi trasladado á administración que ía resolvendo o seu drama persoal cunha pequena prestación que nunca era suficiente para afrontar os gastos familiares. Pouco a pouco empezamos a vivir unha situación na que o demandante personalizaba no traballador público a súa desgraciada situación e nós non estabamos preparados.

Cómpre pensar que a mellor inversión reside no coidado e na atención ó cidadán, especialmente no traballo do orientador laboral, que é unha parte fundamental do proceso de búsqueda de emprego, de devolución de confianza para o que está sufrindo unha situación tan dramática. 

Coidando os aspectos que  temos traballado no curso como son as habilidades comunicativas e sociais das que tanto proveito se pode sacar sabendo aplicalas correctamente, todo o resto xa vén rodado.

 

A administración por outra banda debe facer unha labor de concienciación de que un empregado público non está só para atendelo, senón tamén para entendelo.









1 comentario:

  1. Grazas Susana pola túa contribución ao noso blogue, con esta valiosa aportación.Certo é que a atención as personas é un dos aspectos máis importantes e a menudo dos máis esquecidos.

    ResponderEliminar